A Marea Cidadá de Noia considera moi positivas iniciativas como a de Noia Histórica que ven de organizar visitas guiadas a diversas xoias da nosa Vila, como as igrexas de San Martín e San Francisco, os pazos e o Museo de laudas gremiais de Santa María a Nova entre outras.
Sen embargo, temos que incidir no absoluto desaproveitamento e abandono do patrimonio que Noia alberga por parte das institucións competentes.
Na Marea de Noia consideramos inadmisible o incumprimento reiterado dos compromisos que, sobre o Museo das laudas, se fixeron en época electoral. Preguntámonos onde quedou a promesa de recuperar e poñer nun lugar axeitado para a súa exposición a meirande parte das laudas gremiais que están á intemperie, amoreadas e soterradas ao redor de Santa María A Nova.
A lamentable xestión que a este respecto sufrimos os noieses e noiesas constitúe un enorme prexuizo para o sector comercial e hostaleiro da vila. Nuns tempos tan complicados e de tanto castigo para a economía local, parécenos un despilfarro inxustificable a total inacción dos que se din os nosos representantes.
Os integrantes da Marea cidadá de Noia esixímoslle ó grupo de goberno unha mellor xestión dos recursos económicos que posúe. Estamos seguros de que cunha boa planificación xa estaríamos dando os pasos precisos para mostrar a mellor Noia a noieses e visitantes.