A Marea de Noia solicita a eliminación da zona de aparcamento para coches oficiais

aparcamento

Propoñen crear tres prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e unha ordinaria

A Marea Cidadá de Noia presentará unha solicitude no rexistro do Concello de Noia para que se elimine a zona de aparcamento de coches oficiais, situada fronte ao consistorio municipal. Consideran que a igualdade debe de ser a bandeira pola que se debe rexer a xestión municipal. Actualmente son os concelleiros delegados de goberno os que fan uso deste aparcadoiro. Dende a Marea consideran un privilexio esta cuestión con respecto a xente do común que sofre diariamente a falta de aparcamento no centro da vila noiesa.

Argumenta que “non é preciso manter estas prazas habilitadas, xa que a Policía Local xa dispón dun aparcadoiro reservado na nova comisaría e o coche oficial do Concello xa dispón de praza reservada en outro punto do Concello.”

Propoñen que esta zona se adique nun 75% a aparcamento para persoas con mobilidade reducida, xa que en palabras da concelleira Noelia Estévez “consideramos as prazas habilitadas para persoas con mobilidade reducida insuficientes, non dan cobertura ao edificio do Concello, entidades bancarias e comercios que se atopan nesta zona”

 

O portavoz, Manolo Seijas incidiu en que  “solicitaremos este tipo de medidas, que por moi pouco significativas que sexan, rompen cos tradicionais privilexios cos que gozaba a clase política ”.