Tal e como acordamos en sesión plenaria, o goberno municipal tiña encomendado desenvolver un Plan de Conciliación Municipal, que a día de hoxe segue sen executar. Mentres concellos da comarca xa desenvolven diversos programas de conciliación para o verán, de acordo co permite a fase 3 de desescalada.
Tras o parón pola COVID19 e a volta á “nova normalidade” este plan fai máis falla ca nunca para que ninguén quede atrás. As persoas que están a exercer os coidados teñen que incorporarse aos seus postos de traballo coa incerteza de que pasará coas súas nenas e maiores. As escolas infantís e os centros de día van estar pechados durante o verán e se a administración local non brinda a posibilidade dun plan de conciliación, moita xente (e maioritariamente mulleres) terán que escoller entre a casa ou o emprego.
- Dende a Marea de Noia reclamamos a creación dun programa especifico para este verán que conte coas seguintes características.
- Creación de actividades de conciliación para os meses de xullo, agosto e primeira quincena de setembro.
- Grupos reducidos seguindo as directrices da fase tres e amplos espazos.
- Posibilidade de Plans Concilia nas Parroquias, a desenvolver en centros parroquiais.
- Horarios amplos e flexibles para facilitar a conciliación
- Aula de madrugadores, con apertura para aquelas familias que o precisen.
- Programación con ocio, deporte, reforzo educativo, igualdade, sensibilidade co medio e coñecemento do contorno.
- Medidas de seguridade e hixiene adaptadas á normativa de cada fase de desescalada.
- Modificación de crédito para dotar con partida económica, xa que actualmente Noia non conta con un orzamento ambicioso para desenvolver actividades de certo calado.