A Marea de Noia leva ao Pleno a memoria de Bríxida Quintáns

Cabeceira

A Marea Cidadá de Noia presenta unha moción para renomear o Malecón de San Lázaro co nome de Bríxida Quintáns.

Dende a Marea Cidadá de Noia vimos de presentar unha moción instando ao pleno a recoñecer á persoa de Bríxida Quintáns, propoñendo cambiar o nome do actual Malecón de San Lázaro polo de Malecón Bríxida Quintáns.

A vida de Bríxida Quintáns

Se ben non contamos con demasiadas fontes que poidan botar máis luz sobre a vida de Bríxida, dela sabemos que foi militante cenetista e mineira nas minas de San Fins. Con fillos e fillas froito do amor libre, Bríxida foi subida ós camións con destino a Boisaca para ser fusilada logo do Golpe do 36, se ben conseguiu salvarse no último momento. A que non podería salvarse e remataría asasinada polos golpistas sería a súa compañeira, María Xosefa Becerra.

Ca chegada da ditadura, tanto Bríxida como os seus fillos viviron o resto da súa vida na pobreza máis extrema, condeados ó ostracismo por unha ditadura que non podía permitirse mulleres fortes e decididas a ser libres.

 

O legado de Bríxida Quintáns
 

Cómpre seguir afondando na recuperación de todas esas mulleres que, silenciadas polos enemigos da liberdade e das traballadoras, son para nós unha referencia e un valor imposibles de obviar. Bríxida Quintáns é un exemplo máis de todas esas mulleres da nosa comarca que nunca se rendiron, que tiveron a forza e a determinación de ser libres e que dignifican a historia da nosa comarca.

É hora de que Bríxida, que foi denostada por un réxime que a aborrecía e por unha vila que renegou dela, sexa recuperada para o conxunto das noiesas. Agora que a nosa sociedade comeza a coller conciencia da importancia da igualdade, recuperar historias como a de Bríxida é o mellor agasallo que podemos facernos, non só a nós mesmas, senón a todas as que virán despois de nós.