A Marea Cidadá promoverá a participación cidadá na xestión do Museo do Mar.

Museo do Mar

A Marea Cidadá de Noia buscará que a xestión do Museo do Mar se faga cunha combinación de participación cidadá e apoio de persoal técnico e profesional.

Dende hai décadas, os modelos de gobernanza horizontal e de participación cidadá teñen amosado a súa efectividade en contextos e circunstancias moi diferentes. O potencial que gardan as iniciativas cidadás e o coñecemento que veciños e veciñas teñen das realidades que lles interesan non poden quedar ó marxe da xestión do público.

Por este motivo, dende a Marea Cidadá de Noia promoveremos a implantación de modelos de gobernanza horizontal no Museo do Mar, buscando a participación activa de asociacións como Mar de Noia, que teñen máis que amosada o seu coñecemento e o seu capital humano.

Cremos firmemente, ademais, que se existe vontade política non debería haber trabas insalvables que frenen este tipo de iniciativas. Este tipo de modelos xa se aplican a día de hoxe en outros Concellos, con máis que probada efectividade.

Dende a Marea Cidadá entendemos que a xestión directa por parte da cidadanía, sempre ca colaboración e o asesoramento do persoal técnico e profesional pertinente, é a fórmula máis acaída para a toma de decisións neste tipo de espazos.