A Marea Cidadá de Noia solicitará que se publiquen as contas do Concello

Este luns a Marea Cidadá de Noia presentou unha Moción de Transparencia das Contas Públicas para o Pleno convocado para este xoves día 6 de agosto.

O Grupo Municipal sinala que “a transparencia debe ser un dos eixos fundamentais na xestión diaria dun concello e os cidadáns deben coñecer en que e como se gastan os cartos públicos”, propoñen a publicación periódica dos gastos que se levan a cabo dende a administración local.

Ademais, recordan que a tenor da investidura de Miguel Paz Barreiro como alcalde, o PSOE e Marea Cidadá de Noia acordaron a publicación antes dun ano das contas municipais a través da páxina web do Concello no que se incluirían as contas do último curso político. Todas as contratación municipais serían publicitadas, incluíndo aquelas que polo seu importe se onsideren obras menores, sendo accesible a información do respectivo expediente de contratación a través do portal de transparencia do concello. Sinalan que pesares da existencia dese portal de transparencia creado polo anterior goberno aínda non se produciu neste novo período ningunha modificación.

Apoiándose na Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, Manolo Seijas e Noelia Estévez García propoñen os seguintes acordos:

 

  1. Reactivación e actualización periódica, cun máximo de tres meses logo de facer efectivo o pagamento da factura ou nómina, do portal de transparencia coa publicación de todas as contas municipais de xeito detallado e intelixible, no que se incluirán as contas do último curso político.
  2. Os gastos estarán publicados segundo as seguintes partidas de gasto: político, obras, subvencións, festexos, cultura, mantemento e gasto corrente.
  3. Tódalas contratacións municipais serán publicitadas, incluíndo aquelas que polo seu importe se consideran obras menores, sendo accesible a información do respectivo expediente de contratación a través do portal de transparencia do concello. Como mínimo cada tres meses se publicarán osconvenios, subvencións e as contratacións no portal de transparencia municipal.
  4. Publicar as liquidacións presupostarías (estado de execución, resultado orzamentario, remanente de tesourería e obrigacións e dereitos de exercicios pechados, coa explicación das desviacións entre o orzamentado e o executado.
  5. Publicar os indicadores orzamentarios, financeiros e patrimoniais que permitan avaliar a execución orzamentaria e calquera outro indicador que permita avaliar a eficacia e eficiencia na utilización dos recurso empregados.
  6. Creación dun apartado na web que permita a interacción da cidadanía co goberno municipal recibindo e dando resposta ás suxerencias, reclamacións e demais peticións remitidas polos cidadáns; así como do goberno municipal á cidadanía, facendo consultas de cuestión de interese xeral .”

 

MOCIÓN COMPLETA

Estas son as preguntas que se fixeron con anterioridade para que sexan contestadas polo goberno municipal no pleno do xoves. Cabe salientar que os rogos recibidos na web se realizarán oralmente no pleno e colgarémolos o venres.