A Marea Cidadá de Noia vimos de presentar unha moción para que o Pleno do Concello de Noia inste á Xunta a aumentar as horas asignadas ó Servizo de Atención ao Fogar e a que se de resposta a todas as solicitudes existentes.
O Servizo de Atención ao Fogar é un servizo público de carácter local que consiste en ofrecer atención e axuda ás persoas máis maiores ou con menos autonomía nos seus propios fogares. O SAF forma parte, polo tanto, dunha serie de políticas de xustiza social que debemos non só protexer, senón extender e ampliar.
A actual situación de colapso que está a vivir o SAF, un servizo que, como dixemos, resulta fundamental, era máis que previsible. Nunha poboación cada vez máis avellentada, cada vez máis persoas precisan deste tipo de políticas para poder levar a súa vida con normalidade. A falta de previsión, a falta de interese en proporcionar ás persoas máis vulnerables as axudas e os coidados que precisan e merecen, non poden ser tolerados en sociedades que se din xustas e democráticas.
Por íso, dende a Marea Cidadá levamos a Pleno unha moción para que o conxunto do Concello inste á Xunta de Galicia a dotar ao SAF de Noia dos recursos e das horas necesarias para facer o seu traballo, cumprindo con todas as persoas que o precisen.