A Marea Cidadá de Noia insta ao goberno de Santiago Freire a axilizar a creación do novo depósito de auga.

Foto extraida de La Voz de Galicia

 A Marea Cidadá de Noia insta ao goberno popular a iniciar o procedemento de expropiación das fincas situadas ao redor da ETAP, permitindo así a creación dun novo depósito de auga potable para a vila

Ano tras ano, os veciños e veciñas de Noia sufren a chegada de augas mesturadas con barro nos seus propios fogares. A inexistencia dun depósito de auga suficiente como para cubrir as necesidades da poboación durante as choivas, ven provocando dende hai moito tempo problemas hixiénicos e sanitarios na nosa vila.

No ano 2016, Santiago Freire prometeu a creación dun novo depósito de augas que viría a solucionar estes problemas, da man da entón Conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato, creación que debería comezarse ese mesmo ano. A día de hoxe, a creación deste depósito atópase paralizada, en gran parte porque o Concello non iniciou os trámites de expropiación dos terreos colindantes á ETAP, a Estación de Tratamento de Auga Potable.

Dende a Marea Cidadá de Noia entendemos que, neste momento e dende hai tempo, é o Concello quen debe dar o seguinte paso iniciando ditos trámites.

Por este motivo, dende a Marea Cidadá de Noia instamos ó goberno local a dar cumprimento ás súas promesas, iniciando canto antes a expropiación co fin de que Noia conte canto antes cun depósito de auga potable suficiente para os períodos de choivas e tormentas.